Friday 17 de May de 2024

Un total de 199 viticultores beneficiaranse este ano de axudas para reestruturación e reconversión de viñedo por importe de 769.928,28 euros


Os beneficiarios destas subvencións solicitan operacións nas súas explotacións que van dende o arrinque e nova plantación de viñedos de variedades recomendadas polas denominacións de orixe de Galicia ata a colocación de sistemas de condución para as plantas

Un total de 199 viticultores galegos beneficiaranse este ano de axudas por un importe global de 769.928,28 euros aos plans de reestruturación e reconversión de viñedo da convocatoria de 2014. O Diario Oficial de Galicia publicou o pasado venres, día 19, o anuncio da Consellería do Medio Rural e do Mar polo que se notifica a resolución das solicitudes destas axudas.

Os beneficiarios destas subvencións solicitan operacións nas súas explotacións que van dende o arrinque e nova plantación de viñedos de variedades recomendadas polas denominacións de orixe de Galicia ata a colocación de sistemas de condución para as plantas. Inclúense tamén a construción dos tradicionais socalcos (plantacións en pequenas terrazas), que conforman a paisaxe habitual en moitas das zonas vitivinícolas do territorio galego.

Por provincias, o maior número de beneficiarios corresponde á de Ourense, con 106 beneficiarios e unha axuda total de 287.888,18 euros. Séguenlle, en orde de importancia, a provincia de Pontevedra, con 56 beneficiarios e 304.114,27 euros, a de Lugo, con 32 beneficiarios e 168.385,36 euros, e por último a da Coruña, con 5 beneficiarios e unha subvención de 9.540,47 euros.

Estas axudas financiadas con fondos agrícolas europeos (Feaga) supoñen unha aposta da Consellería para conquerir unha óptima ordenación do potencial vitícola e mellorar a competitividade do sector. Actualmente xa se está a traballar na vindeira convocatoria para o 2015.